Tuesday 17 de September de 2024

Os dous conxuntos absolutos do Deportivo reciben no Teresa Herrera a Leganés, Real Oviedo, Unionistas e Athletic de Bilbao


Inés Rey recibiu en María Pita aos diferentes conxuntos e destacou que este “non é un torneo amistoso máis, senón o decano e máis grande de todos”

Este venres disputaranse as semifinais da categoría masculina, que arrincarán ás 18.30 horas

Este venres comezará o LXXIX Trofeo Teresa Herrera, organizado polo Concello da Coruña, coa disputa das semifinais da categoría masculina. A alcaldesa, Inés Rey, recibiu ás persoas representantes dos seis equipos que compiten a partir desta tarde: Real Club Deportivo, Deportivo ABANCA, Leganés, Real Oviedo, Unionistas de Salamanca e Athletic de Bilbao. O Goberno de Inés Rey aposta por potenciar o decano dos trofeos de verán recuperando o seu formato cuadrangular na categoría masculina, unha fórmula que non se levaba a cabo desde o ano 2014. “Este non é un torneo amostoso máis, senón o decano e máis grande de todos”, dixo a alcaldesa.

Por parte dos equipos participantes, asistiron á recepción oficial Carlos Ballesta, conselleiro do Real Club Deportivo; Manuel Paredes, vicepresidente do Real Oviedo; Martín Ortega, director xeral do Club Deportivo Leganés; e Laura Ruiz de Azúa, vogal da xunta directiva do Athletic de Bilbao. A alcaldesa, pola súa banda, estivo acompañada polo concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez. Tamén participaron no acto o vicepresidente da Real Federación Galega de Fútbol, Juan Luis Villamisar, e o presidente da AFAC, Juan Carlos Vázquez.
O torneo comezará ás 18.30 horas coa disputa da primeiras das semifinais masculinas entre o Leganes e o Real Oviedo. Ás 20.30 horas tocaralle a quenda ao Real Club Deportivo, que fará o seu debut no estadio municipal de Riazor esta temporada ante o Unionistas de Salamanca.

O sábado a xornada comezará ás 16.00 horas coa disputa do terceiro e cuarto posto entre os equipos que perderon as semifinais da categoría masculina. Ás 18.30 horas chegará o momento da disputa do XII Trofeo Teresa Herrera na categoría feminina, que enfrontará ao Deportivo ABANCA contra o Athletic de Bilbao, ambos clubs da máxima categoría nacional, a Liga F.
Ás 21.00 horas disputarase a final do LXXIX Trofeo Teresa Herrera entre os equipos gañadores da categoría masculina. A alcaldesa, Inés Rey, presidirá, ao remate do encontro, a cerimonia de entrega do trofeo. A organización do Teresa Herrera forma parte do acordo de colaboración entre o Concello e o Real Club Deportivo.

A alcaldesa agradeceu durante a súa intervención o traballo conxunto e a colaboración co Real Club Deportivo para esta edición, que recupera na categoría masculina o seu formato cuadrangular. “Igual que A Coruña vai ser sede bimundialista, este ano protagonizamos un biascenso histórico, que moveu masas, especialmente novas, en toda Galicia e máis alá como nunca antes”, sinalou Inés Rey. “É o branquiazul o exemplo perfecto da comunión entre a cidade e club, entre fidelidade e alegría, entre pasado, presente e futuro, emocións que se xuntarán xa estes dous días con miras moi grandes, as que nos pertencen”, engadiu.